falleceu en agosto aos 76 anos
Homenaxe na memoria do teólogo 'da liberación' Xulio Lois
Redacción . Xulio Lois foi unha das figuras máis destacadas da Teoloxía da Liberación. O seu compromiso cos pobres, en América e nos barrios desfavorecidos de España, será recordado en Madrid proximamente durante un congreso relixioso de base.
Pasou máis de 55 anos fóra da súa cidade natal pero esta concedéralle no 2005 o Premio Cidade de Pontevedra. No discurso de entrega do galardón, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, destacara especialmente o compromiso de Xulio Lois cos humildes e a difícil aposta que fixera pola Teoloxía da Liberación. Lois aceptara o premio por ser unha decisión apoiada por múltiplos colectivos pero á vez entendía que “non era unha persoa relevante”. O premio recolleuno á fin emocionado pero sobre todo para contentar a amigos e familiares e como unha oportunidade de reencontrarse cos que había décadas que non abrazaba.
É que Xulio Lois (Pontevedra, 1935), percorrera boa parte de América aplicando o seu compromiso. Logo de estudar Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca, abrazou con entusiasmo as teses do Concilio Vaticano II, que el entendía como de futuro para o pensamento e a acción testemuñal de Cristo. Aquel mundo tan perverso e cínico do nacional-catolicismo que tan ben coñecera na rancia Pontevedra da súa mocidade non era para Lois o vieiro polo que debería de camiñar a Igrexa.
Logo dunha formación plenamente académica, procurou novos escenarios de testemuña e as esquecidas terras de Bolivia valéronlle para enfrontarse a unha realidade social na que a explotación do home polo home era a crúa paisaxe de todos os días. Lois aplicou os seus coñecementos e aplicou á vez o seu pensamento que xa circulaba, como no caso doutros relixiosos galegos e españois chegados a América, por un achegamento aos sectores máis desfavorecidos. Entre 1966 e 1970 traballo á par do Movemento Obreiro Cristián de Cochabamba e mantivo o seu maxisterio co fin de formar fornadas de relixiosos comprometidos ante as desigualdades ás que eran sometidos os sectores indíxenas de Bolivia.
A experiencia andina de Lois foi decisiva cando, na súa volta a España, queda inserido no cadro profesoral da Pontificia salmantina para impartir aulas de Teoloxía ben distintas das que el mesmo recibira ou sufrira décadas antes. A intensidade da teoloxía da liberación chegou ás súas clases, que foron seguidas por centos de segrares e relixiosos os que marcou co seu gran coñecemento e compromiso. Paralelamente, deitou o seu pensamento en obras como Fe y política (1977), Jesús de Nazaret, el Cristo liberador (1996) e, sobre todo, Teología de la liberación. Opción por los pobres (1986). Xa destinado en Madrid, a mediados da década do 1970, tomou o popular barrio de Vallecas como o seu novo territorio de compromiso político e cristián. Era un sacerdote máis dunha parroquia urbana, Nuevas Palomeras, composta de xente humilde. E nela se implicou desde a Igrexa de base en todos e cada un dos movementos asociativos que implicaban unha mellora da calidade de vida dos veciños máis pobres. O movemento das bases cristiás madrileñas ten moito do pensamento e acción pastoral de Lois, convertido e animador da Asociación de Teólogos e Teólogas Xoán XXIII, entidade da que foi presidente entre o 2005 e o 2009. Xusto o ano no que unha enfermidade comeza a asentar no se corpo até levalo á morte na Coruña o pasado 23 agosto, rodeado dos seus familiares. Entre o 8 e o 11 de setembro a figura de Xulio Lois Fernández será especialmente lembrada entre os asistentes ao XXXI Congreso de Teoloxía que se celebrará en Madrid, para estudar intensamente a crise actual que persegue os máis desfavorecidos, cun ton afastado do amosado na recente visita á capital de España do papa Bieito XVI e dirixida por homes, como o tamén galego e cardeal, Antonio Rouco Varela, nos antípodas do pensamento liberador do teólogo pontevedrés.
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Director: Afonso Eíré López
Coordenador: César Lorenzo Gil
Director: Afonso Eíré López
Coordenador: César Lorenzo Gil